viernes, 23 de octubre de 2026

FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES - 2026

O SAMAÍN ESTÁ CHEGANDO

O Samaín achégase e no noso cole xa estamos preparando todo para vivir uns días terrorificamente divertidos! 🧙‍♀️🦇

📚 Na entrada da biblioteca agárdanos unha exposición de libros aterradores, cheos de monstros, bruxas, pantasmas e historias que poñen os pelos de punta!

👻 As portas das aulas xa locen as súas decoracións máis arrepiantes, enchendo os corredores de misterio e creatividade.

🎃 E, por suposto, non podían faltar os fantásticos calacús elaborados polas familias, que están a demostrar unha vez máis toda a súa imaxinación e talento. Moitas grazas pola vosa colaboración!

🕷️ Ademais, xa estamos ultimando os preparativos dos obradoiros de Samaín que celebraremos o vindeiro venres 30 de outubro, unha xornada chea de sorpresas e actividades para gozar xuntos desta festa tan especial.

Que comece a maxia do Samaín! 🎃✨

Seguiremos compartindo todas as novidades... Estade moi atentos e atentas!

martes, 20 de octubre de 2026

PRESENTACIÓN ANO OTERIANO XORNADA BIBLIOTECAS ESCOLARES

 Aquí vos deixamos a presentación empregada para dar a coñecer o noso PDI do curso pasado "Ano Oteriano" na xornada de bibiotecas escolares celebrada en Santiago de Compostela o pasado sábado.

Ano Oteriano - 2026 de Patricia López Peña

lunes, 19 de octubre de 2026

Plan de lectura da Deputación de Ourense: un libro para medrar!

A Deputación Provincial de Ourense pon en marcha un programa de axudas para facilitar o acceso aos libros e fomentar o hábito lector entre a rapazada.

📖 Quen pode beneficiarse?
Menores nados/as no ano 2008 ou posteriores, empadroados/as nalgún concello da provincia de Ourense na data de publicación das bases.

🎁 Que inclúe a axuda?
Un libro por persoa beneficiaria, cun importe máximo de 20 €. Non se inclúen libros de texto, material escolar, revistas nin publicacións periódicas.

📝 Como solicitala?
Hai que cubrir o formulario en liña e presentar o código recibido, xunto co NIF, nunha libraría adherida ao programa. A axuda está suxeita á dispoñibilidade orzamentaria.

📅 Prazo para adquirir os libros: do 15 de outubro ao 18 de decembro de 2026.

🔗 Solicitude e información:

Unha boa oportunidade para escoller unha nova lectura e seguir enchendo de historias as nosas vidas! 💚📖

Día das Escritoras 2026: as amigas como forma de liberdade

Hoxe, 19 de outubro, celebramos o Día das Escritoras, unha iniciativa que busca reivindicar o labor e o legado das mulleres que, ao longo da historia, contribuíron coa súa escrita á cultura, ao pensamento e á transformación da sociedade.

A XI edición desta celebración chega baixo o lema «As amigas como forma de liberdade», unha homenaxe ás redes de apoio, á complicidade e á creación compartida entre mulleres. Unha idea que nos leva ata o Lyceum Club Feminino, que este ano celebra o seu centenario. Fundado en 1926, este espazo converteuse nun importante punto de encontro para mulleres que querían participar na vida intelectual, artística e pública nunha época na que non sempre o tiñan doado.

Entre as súas fundadoras e colaboradoras atopamos nomes tan relevantes como María de Maeztu, Clara Campoamor, Victoria Kent, Zenobia Camprubí ou María Lejárraga.

Desde a Biblioteca do Faragullas, sumámonos a esta celebración reivindicando as voces das escritoras, lembrando as que abriron camiño e descubrindo as que hoxe continúan creando, compartindo historias e ofrecéndonos novas formas de entender o mundo.

Porque detrás de moitas palabras tamén hai complicidade, amizade e mans tendidas. Porque xuntas as voces fanse máis fortes. E porque ler mulleres é tamén recoñecer a súa historia e contribuír a construír un futuro máis igualitario.

Hoxe celebramos as escritoras, as súas palabras e a forza de crear xuntas. 💜📚

Faragullas nas Xornadas de Bibliotecas Escolares

O pasado sábado participamos nas Xornadas de Bibliotecas Escolares, un encontro cheo de experiencias, ideas e aprendizaxes compartidas no que tivemos a oportunidade de presentar o noso proxecto interdisciplinario arredor do Ano Oteriano.

Foi unha grande alegría poder compartir o traballo realizado no noso cole arredor da figura de Ramón Otero Pedrayo, contar como investigamos, que fontes consultamos e como transformamos toda esa información en experiencias e creacións compartidas polo alumnado.

A través desta presentación, outras comunidades educativas puideron coñecer un pouquiño mellor o noso proxecto, o traballo da nosa biblioteca e a vida do noso pequeno gran cole. 💚

Regresamos coa satisfacción de ter compartido o noso traballo e coa ilusión de seguir aprendendo doutras bibliotecas e de todas as persoas que fan da lectura, da investigación e da creatividade unha parte esencial da vida escolar.

Grazas á Asesoría de Bibliotecas Escolares por contar connosco e darnos a oportunidade de compartir a nosa experiencia!

Seguimos facendo biblioteca, seguimos facendo escola. 📖✨


viernes, 2 de octubre de 2026

VISITA Á CASA-MUSEO OTERO PEDRAYO

O pasado venres o alumnado do centro tivo a oportunidade, como xa é costume, de visitar a Casa Museo Otero Pedrayo, onde realizaron unha pequena visita guiada para coñecer máis de preto a vida de Don Ramón. 
Durante a xornada os nenos e nenas tamén puideron gozar dunha proposta lúdica e cultural na que recuperaron e descubriron xogos populares, compartindo un tempo de diversión.
Para rematar a visita, gozaron dun contacontos a cargo de Uxía Morán, que puxo o broche final a unha mañá chea de aprendizaxes. 

Se clicades na seguinte imaxe, poderedes acceder ás imaxes do día.