Mostrando entradas con la etiqueta 8M. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 8M. Mostrar todas las entradas

sábado, 14 de marzo de 2026

CONMEMORACIÓNS 2º TRIMESTRE

No noso centro celebramos conxuntamente varias conmemoracións moi importantes: o 8M -Día Internacional da Muller, o Día de Rosalía de Castro, a Semana da Prensa, o Día da Muller e a Nena na Ciencia e o Ano Oteriano.

Para traballar estas datas tan significativas, cada aula investigou unha ou varias destas conmemoracións. Co resultado do seu traballo elaboramos un xornal escolar, que foi presentado ao resto do alumnado nunha exposición na que cada clase compartiu a súa parte.

Se clicades na seguinte imaxe, podedes acceder a versión dixital do xornal "As Novas do Faragullas".

Se clicades AQUÍ accederedes a un vídeo resumo da presentación do xornal.

Ademais, con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, creamos este fermoso vídeo dentro das actividades organizadas para conmemorar esta data.

Nesta iniciativa participou o alumnado do centro xunto con algunhas das mulleres máis importantes das súas vidas, nunha actividade pensada para recoñecer o seu papel, a súa forza e a súa importancia na nosa sociedade.

Se clicades na seguinte imaxe, podedes ver o vídeo completo.

Se clicades NESTE ENLACE accederedes ás fotografías e videos do día.

CONCURSO "ENCHEMOS DE COR A MANCOMUNIDADE"

Parabéns ao noso alumno Brais, de 4º de EI, que foi elixido como gañador, na súa categoría, no concurso “Enchemos de cor a Mancomunidade”, organizado polo CIM de Santa Águeda.

Parabéns tamén a todo o alumnado participante polo seu esforzo e ilusión. Se clicades na imaxe accederedes á publicación do CIM cos gañadores do concurso.

miércoles, 4 de marzo de 2026

CHARLA SOBRE IGUALDADE

O alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria participou hoxe nunha interesante charla impartida por Laura Seara, exsecretaria de Estado de Igualdade.

Durante o encontro, o alumnado puido reflexionar sobre a importancia da igualdade entre mulleres e homes, así como sobre valores fundamentais como o respecto, a convivencia e a construción dunha sociedade máis xusta.


 

miércoles, 19 de marzo de 2025

ACTIVIDADE DENTRO DO PROGRAMA DONAS DE SI

Este luns vivimos unha actividade moi especial no noso centro, onde tradición, arte e música uníronse para homenaxear ás cantareiras, protagonistas do Día das Letras Galegas 2025. Tivemos a sorte de contar coa presenza do escritor Carlos Taboada, a ilustradora Tania Solla e a música Alba Faro, que nos ofreceron unha viaxe inesquecible pola nosa historia e tradición oral. Esta iniciativa promovida pola Consellería de Política Social e Igualdade foinos ofertada por estar participando no programa "Donas de si" impulsado por dita consellería dentro do Plan Proxecta.

Carlos explicounos quen foi Dorothé Schubarth e o seu labor de recuperación do canto tradicional galego, destacando o papel fundamental das mulleres que, a través da súa voz, mantiveron viva a nosa identidade. Alba acompañou esta viaxe con instrumentos tradicionais como a pandeireta, o pandeiro, as cunchas e mesmo unha lata de pementón, facendo soar a nosa música con forza e autenticidade. Mentres tanto, Tania plasmou a esencia das cantareiras nun lenzo que nos deixou como recordo para o centro, unha obra que simboliza o valor da nosa cultura e da transmisión do saber a través das xeracións.

Para rematar, Carlos ensinou a todo o alumnado a debuxar a súa propia pandereteira, un xeito perfecto de manter vivo este legado a través da creatividade.

Grazas de corazón a Carlos, Tania e Alba por compartir con nós esta experiencia tan enriquecedora e por axudarnos a dar visibilidade ao papel da muller na nosa cultura. Seguimos a celebrar a nosa historia, a nosa música e as voces que a fixeron posible!

Neste enlace tedes un pequeno vídeo (ENLACE) da actividade e se clicades na fotografía accederedes ás imaxes do día.

sábado, 15 de marzo de 2025

AS NOVAS DO FARAGULLAS: 8M, DÍA DE ROSALÍA, SEMANA DA PRENSA

Neste mes de marzo, o noso colexio quere rendir un fermoso homenaxe a Rosalía de Castro, unha das figuras máis relevantes da nosa literatura e da loita pola igualdade de xénero. Con motivo do Día Internacional da Muller (8 de marzo) e da Semana da Prensa, creamos un periódico especial no que reflexionamos sobre estes temas.

Neste número, ademais de destacar a importancia de Rosalía no 8M, tamén incluímos un dos seus poemas de xeito ilustrado e compartimos a famosa receita do caldo de gloria, unha delicia da nosa gastronomía. Temos tamén entrevistas con músicas galegas contemporáneas, que nos falan de como é a súa vida e que que se adican.

Para aprender xogando, no periódico tamén atoparás pasatempos e curiosidades sobre a vida e obra de Rosalía que te sorprenderán. Todo isto nunha edición especial de "As novas do faragullas".

A igualdade e a cultura galega son as protagonistas.

Non deixes de ler a nosa edición especial (ENLACE)!

miércoles, 12 de marzo de 2025

Mulleres e música: a forza das voces feministas no 8M

No marco do 8M, Día Internacional da Muller, queremos dar voz ás artistas que, co seu talento e esforzo, están a abrir camiño no mundo da música. Nesta serie de entrevistas, enmarcadas tamén na Semana da Prensa na que estamos inmersos, as nenas e nenos de 6º de Primaria conversamos con tres mulleres músicas galegas: Lucía Pérez Vizcaíno, Sabela García Fonte e Claudia Carballo González. A través das súas palabras, descubriremos as súas traxectorias, os desafíos que atoparon no camiño e as súas reflexións sobre a igualdade no panorama musical actual.
Agradecémoslle moito tanto a súa disposición como o tempo adicado aos nosos nenos e nenas.

Entrevista a Lucía Pérez Vizcaíno

Entrevista a Sabela García Fonte

Entrevista a Claudia Carballo González

martes, 11 de marzo de 2025

TECÍN SOIA A MIÑA TEA (RAP)

Con motivo da celebración do Día de Rosalía de Castro, o alumnado do CEIP Plurilingüe Otero Pedrayo levou a cabo unha iniciativa creativa e innovadora: converter o poema “Tecín soia a miña tea" nun rap. A actividade, que combinou literatura e música urbana, tivo como obxectivo achegar a obra de Rosalía ás novas xeracións dun xeito dinámico e próximo á súa realidade. Durante varias sesións de traballo, os estudantes analizaron o poema, adaptaron a súa métrica ao ritmo do rap e gravaron a súa propia interpretación. O resultado foi unha interpretación chea de emoción e significado, que puxo en valor a vixencia da mensaxe de Rosalía e a súa capacidade para conectar con diferentes estilos e xeracións.

Se clicades na imaxe, poderedes acceder ao vídeo.

lunes, 10 de marzo de 2025

O PAIS DOS MANDÓNS

No marco da celebración do 8 de marzo, o alumnado de 2º e 3º de Primaria participou nunha actividade especial desenvolvida polo CIM de Santa Águeda, na que traballaron sobre o libro "O País dos Mandóns". A través da lectura os nenos e nenas reflexionaron sobre a importancia da igualdade e a necesidade de construír un mundo máis xusto para todas as persoas.

Para rematar a actividade propuxemos as nosas "novas leis" baseadas na igualdade, o respecto e a colaboración.

Esta iniciativa permitiulles non só comprender mellor o significado do Día Internacional da Muller, senón que os fixo protagonistas do cambio cara a unha sociedade máis igualitaria. 

Se clicades na imaxe, accederedes ás fotos da actividade.

sábado, 8 de marzo de 2025

8M: DÍA DA MULLER 2025

PARABÉNS A TODAS AS MULLERES!


A partir de agora, grazas á remodelación que está a sufrir o patio das filas (que se emprega os días de chuvia), teremos unha selección permanente de fondos relacionados coa figura da muller na parede onde está o cartel confeccionado fai uns anos coas fotos de todo o alumnado. Este recuncho violeta poderá ser usado nos leceres de chuvia como recuncho de lectura informal pero tamén se poderá baixar a coller libros desta zona en préstamo xa que é espazo pertencente á biblioteca.

lunes, 13 de mayo de 2024

DE ROSALÍA A VILLALTA

O día 9 de maio tivemos a sorte de contar co espectáculo: "De Castro a Villalta" da compañía de teatro A Xanela Do Maxín. Con este espectáculo de obxectos e hologramas, ponse en valor o legado de seis mulleres excepcionais homenaxeadas nas Letras Galegas, dende Rosalía de Castro a Luísa Villalta . Mulleres que deixaron unha pegada imborrable na literatura e no teatro galegos e que destacaron pola súa creatividade, compromiso e contribución á nosa rica cultura:

Rosalía de Castro: A Poetisa do Sentimento 

Francisca Herrera Garrido: Abrindo camiños 

María Mariño: A Escritora da Terra e do Mar 

María Victoria Moreno: A Narradora Infatigable 

Xela Arias: A Poetisa da Palabra Libérrima 

Luísa Villalta gómez: Entre Versos e Escenarios

Se clicades no seguinte enlace, poderedes acceder a todas as imaxes do día:



martes, 19 de marzo de 2024

Gañadora do Concurso do CIM

O luns 11 de marzo, entregáronse os premios do IV CONCURSO "ENCHEMOS DE COR A MANCOMUNIDADE" do CIM (Centro de Información á Muller) da Mancomunidade de Santa Águeda. Este ano estaba dedicado a acercar ao alumnado a figura da muller rural galega.

A gañadora na categoría de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria foi para a nosa alumna Inés Ganado Álvarez de 5º de primaria.
Moitos parabéns, Inés!!!

martes, 5 de marzo de 2024

EXPOSICIÓN 8M

 Xa tedes na porta da biblioteca a Exposición Violeta deste curso. Como estamos investigando mulleres que tiveron que asinar con outros nomes só polo feito de seren mulleres, engadimos uns paxariños de papiroflexia cos seus nomes. 

Desfrutade das lecturas!!!

viernes, 10 de marzo de 2023

CHEA DE VIDA EN LINGUAXE DE SIGNOS (DÍA DA MULLER-8M)

Aquí temos xa o vídeo elaborado pola profe Cris a partir da canción de Guadi Galego "Chea De Vida", na que todo o alumnado do centro a interpreta con linguaxe de signos! Parabéns a todos!

miércoles, 8 de marzo de 2023

MIGALLAS: Elas pintan moito

Hoxe como xa sabedes é o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, e para celebralo no cole contamos co grupo Migallas co seu espectáculo "Elas pintan moito". Nel combínanse os contos coa música en directo baseada na obra de catro pintoras, dúas das cales estamos a traballar no noso proxecto: Xulia Minguillón e Frida Kalho. A través destas artistas abórdase a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos das vida, desde o máis cotián ata o da creación artística.

Durante a sesión, as nenas e nenos, alén de coñecer as principais obras destas pintoras, descubrirán facetas da súa vida persoal que as converteron en modelos de independencia fronte aos prexuízos machistas da sociedade que as rodeaba.

Tamén se anima a desenvolver as capacidades creativas das nenas e nenos sen ningún tipo de traba e de ideas preconcibidas.

Se clicades nesta imaxe poderedes ver todas as fotos do día.


8M: Día Internacional da Muller (celebración)

A parte das actividades descritas en entradas anteriores hoxe tamén cantamos e bailamos dúas cancións para celebrar o Día Internacional da Muller:

A primeira "Chea de Vida" de Guadi Galego cantámola en linguaxe de signos. A profe Cris encargouse de preparala con todo o cole e fará un video que pronto colgaremos para que vexades o bonito resultado.

A segunda "Depende de los dos" xa é un himno do cole porque a cantamos e a bailamos todos os anos por esta data. Encántanos!!!

Aquí vos deixamos os vídeos agardando que vos gusten:


Chea de vida

Depende de los dos

lunes, 6 de marzo de 2023

Decoración para o 8M

Achégase o 8M: Día Internacional da Muller e xa temos no corredor da biblioteca o noso "Recuncho Violeta" cunha selección de libros preparados para que poidades desfrutar e coñecer a moitas mulleres extraordinarias! 

Ademáis o alumnado de de EP fixo un pequeno mural de Frida Kahlo ás portas da súa clase para conmemorar e concienciar sobre este día.

Por último, os nenas e nenas de Infantil, despois dun gran debate sobre cales son os adxectivos que mellor describen as mulleres, fixeron unha montaxe coas súas caras das que saen moitos deses calificativos. Quedaron precisos!!