miércoles, 19 de marzo de 2025

ACTIVIDADE DENTRO DO PROGRAMA DONAS DE SI

Este luns vivimos unha actividade moi especial no noso centro, onde tradición, arte e música uníronse para homenaxear ás cantareiras, protagonistas do Día das Letras Galegas 2025. Tivemos a sorte de contar coa presenza do escritor Carlos Taboada, a ilustradora Tania Solla e a música Alba Faro, que nos ofreceron unha viaxe inesquecible pola nosa historia e tradición oral. Esta iniciativa promovida pola Consellería de Política Social e Igualdade foinos ofertada por estar participando no programa "Donas de si" impulsado por dita consellería dentro do Plan Proxecta.

Carlos explicounos quen foi Dorothé Schubarth e o seu labor de recuperación do canto tradicional galego, destacando o papel fundamental das mulleres que, a través da súa voz, mantiveron viva a nosa identidade. Alba acompañou esta viaxe con instrumentos tradicionais como a pandeireta, o pandeiro, as cunchas e mesmo unha lata de pementón, facendo soar a nosa música con forza e autenticidade. Mentres tanto, Tania plasmou a esencia das cantareiras nun lenzo que nos deixou como recordo para o centro, unha obra que simboliza o valor da nosa cultura e da transmisión do saber a través das xeracións.

Para rematar, Carlos ensinou a todo o alumnado a debuxar a súa propia pandereteira, un xeito perfecto de manter vivo este legado a través da creatividade.

Grazas de corazón a Carlos, Tania e Alba por compartir con nós esta experiencia tan enriquecedora e por axudarnos a dar visibilidade ao papel da muller na nosa cultura. Seguimos a celebrar a nosa historia, a nosa música e as voces que a fixeron posible!

Neste enlace tedes un pequeno vídeo (ENLACE) da actividade e se clicades na fotografía accederedes ás imaxes do día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario