Hoxe, 19 de outubro, celebramos o Día das Escritoras, unha iniciativa que busca reivindicar o labor e o legado das mulleres que, ao longo da historia, contribuíron coa súa escrita á cultura, ao pensamento e á transformación da sociedade.
A XI edición desta celebración chega baixo o lema «As amigas como forma de liberdade», unha homenaxe ás redes de apoio, á complicidade e á creación compartida entre mulleres. Unha idea que nos leva ata o Lyceum Club Feminino, que este ano celebra o seu centenario. Fundado en 1926, este espazo converteuse nun importante punto de encontro para mulleres que querían participar na vida intelectual, artística e pública nunha época na que non sempre o tiñan doado.
Entre as súas fundadoras e colaboradoras atopamos nomes tan relevantes como María de Maeztu, Clara Campoamor, Victoria Kent, Zenobia Camprubí ou María Lejárraga.
Desde a Biblioteca do Faragullas, sumámonos a esta celebración reivindicando as voces das escritoras, lembrando as que abriron camiño e descubrindo as que hoxe continúan creando, compartindo historias e ofrecéndonos novas formas de entender o mundo.
Porque detrás de moitas palabras tamén hai complicidade, amizade e mans tendidas. Porque xuntas as voces fanse máis fortes. E porque ler mulleres é tamén recoñecer a súa historia e contribuír a construír un futuro máis igualitario.
Hoxe celebramos as escritoras, as súas palabras e a forza de crear xuntas. 💜📚

No hay comentarios:
Publicar un comentario