sábado, 26 de abril de 2025

MEL DE GALICIA

O alumnado do noso centro tivo a oportunidade de participar nunha interesantísima charla organizada polo Consello Regulador da IXP “Mel de Galicia”.

Durante a sesión, descubrimos o papel fundamental que teñen as abellas no equilibrio da natureza e na conservación da biodiversidade. Explicáronnos tamén, paso a paso, como se elabora o mel de Galicia, un produto único. Ademais agasalláronnos cun pequeno tarriño de mel e unha mochila a cada un dos participantes. Moitas grazas!

Foi unha actividade educativa, dinámica e moi doce, que nos deixou un sabor moi especial!

Se clicades na imaxe, accederedes a algunhas fotos do día!!!

miércoles, 23 de abril de 2025

Feliz día do libro 2025

Pupas, sustos e outros desgustos

O noso alumnado de 3º e 4º de Primaria participou estes días na actividade educativa “Pupas, sustos e outros desgustos”, un programa promovido polo SERGAS que busca achegar os primeiros auxilios e a educación para a saúde ao ámbito escolar dunha forma divertida e práctica.
A través de xogos, dramatizacións e explicacións moi visuais, os nenos e nenas aprenderon que facer ante pequenas feridas, como actuar en situacións de risco e como coidar a súa saúde no día a día. Tamén traballaron a importancia de saber pedir axuda e utilizar correctamente os recursos sanitarios.

martes, 22 de abril de 2025

RECUNCHO DO BENESTAR

E xa temos rematado o noso Recuncho do Benestar no hall de Infantil. Aquí temos unha selección de libros e xogos relacionados co tema como poden ser emocións, diversidade, inclusión, autoestima, etc.

Estos recursos tamén se poden levar en préstamo nas mesmas condicións que os do Recuncho Violeta e que os fondos que están na biblioteca ou no corredor.

Gozade das lecturas!!


ESTANTES NOVOS PARA O CORREDOR

Como xa vos adiantabamos nun post anterior, mercáronse novos estantes para o corredor da biblioteca. Asi os fondos da CDU 7 que estaban no corredor que daba a aula Pulido agora están nestes estantes e os xogos da ludoteca están no seu recuncho no patio das filas. A CDU 3 tamén segue no corredor e as revistas do Faragullas están ao carón da porta da biblioteca. 

Agora temos moito máis espazo para adicarlle ás exposicións e, como a biblioteca se nos segue quedando pequena, cabe a posibilidade de pasar algún outro número da CDU para esta zona.





viernes, 18 de abril de 2025

VISITA Á CASA-MUSEO OTERO PEDRAYO

Como actividade de fin de trimestre e no marco do PDI do 50 aniversario do noso colexio, que leva con orgullo o nome de Otero Pedrayo, o venres 11, realizamos unha saída moi especial á súa Casa-Museo en Trasalba.

Ao longo da visita, o alumnado puido descubrir quen foi este autor tan relevante para a cultura galega, coñecer a súa vida e obra, e percorrer os espazos da súa vivenda, cheos de historia e memoria. A visita realizouse por quendas, permitindo que cada grupo recibise explicacións adaptadas e participativas.

Mentres tanto, nos xardíns, o resto do alumnado gozaba de diferentes xogos: populares, tradicionais e tamén modernos, nun ambiente de convivencia e lecer ao aire libre.

Picando na imaxe accederedes ás fotos do día e neste ENLACE tedes o vídeo resumo da visita!

jueves, 10 de abril de 2025

DÍA DA ÁRBORE 2025

Con motivo da celebración do Día da Árbore, o mércores pasado recibimos a visita dos axentes forestais, que ofreceron, na biblioteca do Faragullars e na aula de música, unha charla moi interesante sobre a importancia dos bosques e o coidado da natureza.

Tras a charla, desprazámonos ata Rouzós, onde tivemos a oportunidade de poñer en práctica o aprendido: alí, ensináronnos a plantar árbores.

Esta actividade contou tamén coa colaboración da Protección Civil do Concello de Amoeiro, que nos acompañou e axudou ao longo de toda a xornada.

Podes ver as imaxes desta xornada na galería da páxina web do cole ou picando na fotografía do dron que tamén nos acompañou nesta xornada!

miércoles, 2 de abril de 2025

DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL 2025

Hoxe celebramos o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL. Diante da porta da biblioteca xa temos unha selección de clásicos infantís e xuvenís, ademais dunha recopilación de contos de Hans Christian Andersen, autor de clásicos universais nado o 2 de abril de 1805, feito polo que conmemoramos o día de hoxe.








Ademais, grazas a colaboración da Coordinadora Provincial de Equipos de Dinamización de Lingua Galega e coa vista posta na celebración das Letras Galegas 2025, que este ano homenaxean as cantareiras, recibimos a visita moi especial de Celso Sanmartín, quen nos agasallou cunha sesión de contacontos moi divertida.

Celso transportounos ao universo da tradición oral galega, facéndonos rir, escoitar con atención e, sobre todo, gozar da maxia da nosa lingua.

Actividades como esta non só reforzan o uso do galego no noso día a día, senón que tamén nos achegan á nosa cultura dunha maneira lúdica.